
Calquera día estouramos
como un floco de millo.
Carpintería de ribeira
O cuarto Rei Mago reside nunha factoría xogueteira chinesa onde realiza xornadas laborais de 14 horas cun soldo de 1.000 yuáns (arredor de 100 euros mensuais), dos que lle deducen o gasto correspondente á comida, electricidade e auga que consome. Fabrica xoguetes para os nenos europeos e americanos, nunha das 8.000 empresas asentadas a carón do porto de Hong Kong.

Onde van as distintas versións dun documento
cando o deito na papeleira do escritorio?
Déixame voar…
O xigante omnipresente Google, en colaboración co Gran Telescopio para Rastrexos Sinópticos, prepara unha cámara dixital de tres mil megapíxeles que coroará o telescopio máis potente do planeta. Este grande óculo permitirá estudar os misterios da materia e da enerxía escuras, sinalan os seus artífices. Das súas gravacións sairán películas de supernovas en explosión, de asteroides achegados á Terra e de obxectos distantes do Cinto de Kuiper.
A información porase ao alcance dos científicos e do público en tempo real, nun nítido mapa do ceo accesible dende internet. Teremos un democrático Google Universe en directo a través da rede.
Transparecias onduladas no Centro Nacional de Arte de Tokio
O Centro Nacional de Arte de Tokio abre as súas portas coa intención de aglutinar, mediante exposicións temporais, as máis sobranceiras coleccións de museos internacionais mediante a utilización de novas tecnoloxías dixitais.
O seu deseñador, Kisho Kurokawa, foi fundador na década de 1960 do movemento metabolista, que concibía a arquitectura como un espazo aberto á sociedade en proceso de cambio, como o desenvolvemento dos seres vivos.
Esta nova estrutura de cristal ondulado, que contou cun investimento de 321 millóns de euros, aséntase no barrio de Roppongi e acubilla unha superficie de 48.000 metros cadrados, dos que 14.000 serán destinados á exhibición de exposicións. Dispón de tres andares, que albergan 12 salas de exposición diáfanas, unha biblioteca con 50.000 libros de arte, un auditorio con capacidade para 300 personas e un restaurante do chef francés Paul Bocuse.
“Con catro anos máis deixaremos a cidade totalmente planchada”, prometeu Corina Porro durante a súa presentación como candidata á Alcaldía de Vigo nas vindeiras eleccións municipais.
Estilismo pop na posta en escena, viño español no convite e unha exposición de fotografías de actos institucionais, de partido e do ámbito familiar quixeron enmascarar un discurso reactivo e choromiqueiro. A protagonista culpou só os demais de “paralizar a cidade cunhas gravísimas consecuencias, o que vai significar que Vigo non teña investimentos que estaban xa negociados e pechados; só nos queda traballar para que todo isto teña a menor repercusión posible”. Vitimismo pop para unha cidade planchada.
Na Pasarela Barcelona, o deseñador Antonio Miró incorporou ao seu equipo de modelos profesionais oito inmigrantes senegales, logo da súa chegada en caiuco. “Teñen unha elegancia e dignidade que intuín, por iso decidín propoñerlles desfilar”.
Combináronse as olladas tristes da alta costura, indiferentes á vivencia da traxectoria en caiuco ou en business class.
Na reportaxe titulada “A Xunta propón que os nenos aprendan a ler e escribir en galego antes que en español” sobre o borrador do decreto de uso da lingua galega no ensino non universitario, presentado aos grupos parlamentarios para o seu debate, interprétase que “esta medida podería suscitar rexeitamento nos castelán falantes que verían como os seus fillos no colexio aprenden a xuntar letras en galego antes ca na súa lingua ambiental. A iniciativa da Xunta, polo tanto, pode xerar división, non só entre partidos políticos, senón tamén a nivel social”.
Eu, coma outros cando tiñamos catro anos, aprendín a ler, a escribir, a contar e a debuxar en dous idiomas, de forma simultánea, e cunha fantástica biblioteca na casa de libros infantís en galego. E aquí seguimos, na procura de agrandar a competencia lingüística cada día.
Cal é o erro da redución potencial de nenos galego falantes cando existe un marco lexislativo en vigor e os recursos pedagóxicos se multiplicaron por mil en tan só 30 anos, grazas ao esforzo dos colectivos de ensinantes e das editoriais? Resulta preciso un decidido impulso político para favorecer a normalización no ámbito escolar e evitar a perda progresiva de pequenos falantes, que ven relegada e minorizada a lingua propia de Galicia en detrimento dun idioma único que pretenden inculcarlles ao reproducir estereotipos da época represiva que permanecen interiorizados no subsconsciente colectivo dun sector que avoga por castelanizar a educación.
Na actualidade, o progreso e a oportunidade son políglotas. Este decreto pode facer que o ensino sexa un intérprete políglota para o progreso do noso país.
Sensor automático de conciliación da vida laboral e profesional
Por que cando vou entrar no choio
remexo no peto as chaves da casa?